Pastoral

Neste curso 2023-2024 o noso lema é «#abraza o respecto», que pretende ser, máis que un lema, unha actitude ante a vida. Dende a Pastoral proponse o «Respecto» como eixo central do curso porque sentimos a necesidade de dar resposta aos problemas de convivencia que se están producindo nas aulas e na sociedade. Por ese motivo queremos abordar tamén o respecto á contorna social e natural na que vivimos.
Abrazar o respecto é mirar no noso interior e aproveitar todo o noso potencial para vivir con plenitude, respectando o que somos e sabéndonos diferentes aos nosos semellantes; é querer comprender os demais e poñerse no seu lugar, pero tamén é dar un paso máis para acoller e axudar, para valorar a diversidade e para converter a nosa contorna nun lugar de esperanza. En definitiva, é partir do autocoñecemento e do respecto a nós mesmos para respectar os demais e o Planeta.