Educación Primaria

Unha educación para o século XXI

O alumnado, a través de todas as experiencias e autonomía que lle achegou a Educación Infantil, terá máis curiosidade e as gañas de aprender irán en aumento. Cando entramos na etapa de Educación Primaria, o alumnado está máis preparado para adentrarse na realidade que o rodea e o profesorado do Colexio Virxe Milagrosa é a compaña ideal para facer ese percorrido. Axudarémolo a descubrir multitude de posibilidades no seu crecemento e a enfrontarse a diferentes retos e proxectos, incrementando así a súa aprendizaxe e ampliando as súas amizades nun medio seguro.

Obxectivos e metodoloxía

O proxecto da etapa de Educación Primaria baséase no respecto e na individualización do proceso de ensinanza e aprendizaxe, centrado no noso alumnado, nos seus intereses e calidades.

O noso obxectivo é desenvolver a autoestima e a valía dos nosos nenos e nenas, preparándoos para afrontar o futuro con confianza en si mesmos. Tamén pretendemos fomentar o pensamento crítico, creativo e innovador, así como capacitalos para vivir en sociedade. Esa será a meta que queremos conseguir ao longo desta etapa.

Para conseguilo empregamos metodoloxías activas e innovadoras como poden ser a manipulación, a experimentación, o traballo cooperativo, a aprendizaxe baseada en proxectos, a educación emocional… En definitiva, apostamos por metodoloxías que formen integralmente ao noso alumnado.

Optamos pola educación inclusiva. Orientamos a nosa educación cara a un desenvolvemento integral de cada persoa, respectando os seus ritmos e capacidades; atendemos a diversidade de situacións, ofrecéndolle a cadaquén as oportunidades para o seu pleno desenvolvemento.

Proxectos

O traballo por proxectos é unha metodoloxía que permite dar máis sentido á aprendizaxe do alumnado. É un tipo de traballo interdisciplinar, é dicir, xúntanse varias áreas de coñecemento e o eixo temático parte de desexos, intereses e/ou necesidades dos rapaces e rapazas. O ensino a través de proxectos salienta o aspecto globalizador da aprendizaxe, propicia o descubrimento e a análise de situacións, crea oportunidades e permite adecuarse á realidade do grupo e da aula. O alumnado pasa deste xeito a ser coautor da súa aprendizaxe, toma decisións e comprométese coa mesma, asume responsabilidades e, sendo axente do seu saber, constrúe e produce un coñecemento significativo, é dicir, con sentido e utilidade.

Os proxectos poden partir dun acontecemento, dunha noticia de xornal, dunha película, dun problema actual ou de calquera tema relacionado coa realidade que rodea o alumnado e que chama a súa atención. Por iso na nosa escola desenvolvemos proxectos de diferentes duracións (anuais, trimestrais…) que moitas veces implican a todas as etapas educativas ou poden ser só dunha aula concreta.

Horta

Xadrez na aula

Mate +

Educación Emocional

Arts & Crafts e plurilingüismo

Edixgal

Recreos residuos cero

Voz natura

Educación Musical

Inspirada no método Willems

 

Plan Pastoral

O Plan Marco Pastoral da Fundación Educere da que forma parte a nosa escola establece como lema xeral desde 2019 a 2022: “Súbete a la vida” (Sube á vida).

O obxectivo é convidar os alumnos e alumnas a seren protagonistas da súa vida e a tomaren conciencia de que cando melloran a súa propia realidade, melloran a dos demais. É a nosa tarefa sensibilizar o alumnado da importancia de coidar ás persoas, de desenvolver unhas habilidades sociais e emocionais que permitan lograr unha convivencia saudable e un nivel de xustiza, de equidade e de igualdade cada día maior.

Neste curso 2021-2022, o lema que se propón é: «Súbete a la vida con la Creación: Acércate» (Sube á vida coa Creación: achégate). Imos traballar a creatividade, a curiosidade, o desexo de aprender, a empatía, a boa relación cos compañeiros e o sentido de pertenza, tanto ao colexio e á Fundación Educere como á Humanidade en xeral. E ímolo facer nun ambiente de compromiso, responsabilidade e, sobre todo, de alegría e de esperanza. Todos estes son valores evanxélicos e humanos que guían a nosa práctica educativa diaria.